Entroido 2021. Temática: «Cultura musical galega infantil»

Cada ano remato as decoracións de Nadal coa mirada posta no entroido, dende sempre é a celebración que máis gozo e, aínda que coa chegada dos pequenos o tempo vai indo a menos (máis traxes a facer e menos tempo para elo) as ganas nunca faltan… ata este ano.

É nestes casos cando o feito de ter dous cativos na casa axuda a tirar para adiante, para que poidan gozar dos diferentes festexos inda que sexa en petit comité.

A temática xeral xira en torno ao traxe escollido por un dos pequenos; quería ir de Paco Nogueiras!

E pareceume unha idea moi boa por varias razóns: primeira e máis importante, lle encanta! segundo, é a nosa forma de dar apoio a este colectivo nos tempos que corren e, terceira e última, posto que no entroido é costume tratar temas de actualidade nas coplas, váleme para facer unha pequena crítica ao concello sobre o «programa Apego» (programa creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial) que, a día de hoxe, no concello de Vilagarcía, e despois de dous anos, segue sumando teas de arañas, porque o que son actuacións… nin a primeira!

Tendo a Paco Nogueiras para o maior, tiña claro que o pequeno iría de Pakolas por varios motivos, primeiro e máis importante (ademais de que tamén o adoran) porque só cunha camisola conseguía que o identificaran (o pequeno non é tan doado de vestir en liñas xerais e, inda así, pasouse un bo rato intentando arrancar o peto da mesma) e, segundo, porque son moi fan da ilustración do seu último traballo, Ramona Órbita, personaxe adxudicado, neste entroido, para min.

Faltaba o papá, despois de moitas voltas, de pensar en grupos con detalles característicos que eles identificaran e que nos dera tempo a preparalo no tempo que dispoñíamos, valoramos o de cambiar a Ramona (adeus a ese cabelo cheo de sorpresas!) e poñernos os dous de Migallas Teatro, pero o destino quixo que debido a un problema eléctrico, Ramona se mantivese no seu posto! Así que o simpatiquísimo Perico Pérez ocupou o lugar de «Antón» para representar a Migallas Teatro.

Finalmente, queredes saber de que falaban Paco e Ramona na foto publicada o outro día nas redes sociais?

Parece ser que Paco se fixo amigo do «neno molón» e, xusto coincide que, Ramona, é moi amiga da súa nai. Ese día souberon que, tanto «o neno molón» como a súa nai, na festa de entroido do colexio, contáronlle aos seus compañeiros que en Galicia había un mundo moi bonito por descubrir dentro da cultura musical galega infantil e que tiñan preparada unha pequena mostra por, se coñecían a alguén do concello, lla fixeran chegar, a ver se, entre todos, conseguiamos sacar esas interminables teas de arañas!

Pin It

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


*