Día das Letras Galegas

Facendo unha excepción e pedindo desculpas de antemán a toda aquela xente que me segue, este post vou escribilo en galego, coma homenaxe ó Día das Letras Galegas.

En primeiro lugar, gustaríame mostrarvos unha canción que, xa dende nena, chamárame a atención.

Como daquela o tema do internet aínda era un mundo un pouco descoñecido para min, recordo que enviara unha carta ó «Xabarín Club» para que me conseguisen a letra e, teño que dicir, que cumpriron co meu desexo.

A canción titúlase «Ahí ven o maio» (editada en 1975) e o seu autor é Luis Emilio Batallán.

 

A verdade é que non recordo cando foi a primeira vez que a escoitei pero, dende o principio, foi un tema que me apaixonou.

E, xa que mencionei o «Xabarín Club», aproveito para falar un pouco de este programa infantil da Televisión de Galicia co que, durante anos, pasabamos as frías tardes de inverno e as calorosas mañás do verán.

Todos os nenos estabamos a espera de que, o día do noso aniversario,  aparecese a nosa foto na pantalla do televisor; aínda que eu, con dez anos, aparentase ter cinco (quizais debería ter enviado unha foto un pouquiño máis actual o día que decidín facerme socia).

Como libro en galego, gustaríame citar o de «Dúas Bágoas por Máquina» de Fina Casalderrey, xa sei que ten moitos anos, pois foi Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 1991, pero sempre veñen ó meu pensamento os meus anos máis mozos ( ¿estareime facendo maior? )

Esta obra pretende ser unha defensa do mundo animal a través das diferentes situación polas que pasa o can e, por eso, decanteime por ela.

Dende que adoptamos a Chispas fará uns catro anos, volvinme un pouco máis sensible con este tema, este can, semellante a un Golden Retriever (visto cos meus ollos), é o primeiro en vir a saudar cando entras pola porta da casa (sempre e cando non haxa comida na mesa). Como di miña nai: «So lle falta falar».

Como película, encantoume «A lingua das Bolboretas», de José Luis Cuerda, baseada no libro ¿Qué me queres, amor? de Manuel Rivas.

Esta ambientada na Galicia rural de 1936 e trata do alzamento militar do 18 de xullo contra a II República e o inicio da Guerra Civil.

Tanto os actores, coma  a ambientación e o guión parecéronme impresionantes.

E, xa para rematar, déixovos algunhas imaxes dos lugares máis recónditos da miña terra.

Pin It