José Ángel Rodríguez López, máis coñecido como Gogue, naceu en O Grove (Pontevedra) no ano 1953 e, ademais de traballar como colaborador no diario Faro de Vigo, dende hai máis de 20 anos amosa a súa retranca na prensa galega a través dun dos seus personaxes máis coñecidos, Floreano, o cal atoparemos na Praza de Arriba de O Grove, nunha obra do escultor Lucas Míguez.
Este popular personaxe, de prominentes trazos, boina calada e amante do viño tinto de Barrantes, conta cun gran número de seguidores que, cada mañá, len os irónicos diálogos que mantén coa súa muller, Monchiña, cos seus amigos, Epifanio e Cachiña e con Don Ramón, o cura.
Ademais da súa viñeta no Faro de Vigo, Gogue tamén conta con outras colaboracións a nivel nacional e internacional.
Como exemplo delas poderiamos citar PRNoticias (plataforma dixital con sede central en Madrid) onde publica diariamente unha viñeta sobre política nacional e humor social; o personaxe de «Carlotta Cohen», publicada no «New York Moves Magazine» (Nueva York) ou a cabeceira do semanario «The Bush Blade» (editado en Anchorage – Alaska); ademais das levadas a cabo na «Black Agenda Report», «Ghetto Fabulous» e «MovieMaker Magazine» en Los Ángeles e no «Fantasy Sports» en Nueva York, entre outras.
No 2004, caricaturizou en pasta de papel a Cathy Anne Hayes para a película «Unwanted fat», de Matthew Balen e realizou tres caricaturas para a presentación mundial en Internet de Terminator 3 sendo convidado, no 2005, por Moorhead University (Minnesota) para impartir unhas MasterClass sobre caricatura e creación de personaxes no mundo da comunicación.
Dende 1997 ata o 2010 participou no Cartoons and Cocktails (Press National Club de Washington) e, no 2006, foi incluida no libro «Beatles Art Books», editado por Boxigami Books de Chicago, unha caricatura súa do grupo; ese mesmo ano, tamén se incluiría a de Marilyn Monroe en «Marilyn in Art», editado por Pop Art Books de Londres.
Ademais da súa faceta de ilustrador e caricaturista, Gogue tamén destaca pola súa maña no tallado do porexpan ou, coma lle chama el: «o rilla rilla».
Entre estas bonitas creacións gustaríame destacar o meu preferido, o pirata Dentedouro.
Este lucido pirata de 1,40 m. de altura presidiu no escaparate da galería Artesan de Port Jefferson (Nueva York), viaxando polos distintos espazos artísticos que ten a devandita empresa en EEUU.
Non vos parece realmente impresionante?
Ten publicados varios libros entre os cales se atopan Historias Floreánicas I e II, Cen Tolos da Ría e Personaxes Vigueses e acadado varios premios e mencións internacionais como o Hommer Davenport Cartoon Contest (Oregón) e o Wisenheimer Cartoon of the Week (Kansas) entre outros.
Recentemente, concedéuselle, en A Coruña, o premio «Bo e Xeneroso 2013» pola difusión da lingua galega a través do seu coñecido personaxe de Floreano, o cal está incluido no libro de viaxes realizado por James G. Skinner (editado en Londres en 1997).
Conta con numerosas exposicións nacionais e internacionais estando en activo a súa mostra «Malvados», no Almacén do Avó (O Grove), onde atoparemos as caricaturas dos seus malvados máis característicos: Saruman, Drácula, Morticia, etc; e a mostra «The Floreanos», en A Taberna de Cancela (Meis), que conta con 12 láminas de Floreano as cales conseguirán sacarvos unha gargallada.
Non me quero despedir sen antes pedir desculpas aos meus seguidores non galegos, por cambiar, nesta ocasión, o idioma da entrada.
Ao igual que fixen o ano pasado, o 17 de maio celébrase en Galicia o «Día das Letras Galegas» e, aínda que este ano está dedicado o escritor e actor teatral Roberto Vidal Bolaño, a min, hoxe, gustaríame dedicarlle este blog a este gran caricaturista e ilustrador que non me deixa de abraiar coa súa práctica no «rilla, rilla».
Déixovos unha imaxe do deseño e tallado da Gotika a partir dun bloque de porexpan, seguro que así entenderedes mellor a miña fascinación por este marabilloso traballo.